miércoles, 6 de julio de 2011

A NOSA IDEA

Cando asistimos a unha exposición ben nun museo ou nunha galería, podemos contemplar ademais das técnicas máis tradicionais dentro das artes plásticas, tales como o óleo, o guache ou a acuarela, outra forma de expresión pictórica coñecida como obra gráfica. Obra gráfica é un concepto xenérico que abrangue un conxunto de diferentes técnicas desenvolvidas ao longo de séculos, dende as máis tradicionais como a xilografía ata as máis modernas como a impresión Offset.

Todas elas nacen dunha mesma idea; a transferencia da imaxe creada polo artista sobre unha forma, que ben pode ser unha prancha metálica, de madeira ou de pedra ou un rolo, a un soporte, xeralmente papel ou tea.

Para que a obra gráfica sexa considerada como tal, débense cumprir certos requisitos; debe ser creación do artista, o cal debe traballar directamente sobre a prancha, a edición ha de ser limitada e as pranchas destruídas ao final do proceso, xa que desta forma se garante a orixinalidade de cada un dos exemplares. Tamén é importante que as obras estean asinadas polo artista ou que inclúan algunha marca ou selo propia do autor.
A Obra Gráfica Orixinal é recoñecida universalmente como unha das expresións máis importantes das Artes Plásticas xunto á pintura, o debuxo, a escultura e outras. É por isto que os grandes museos de todo o mundo contan con valiosas Obras Gráficas nas súas coleccións. O Museo Metropolitano de Nova Iork posúe máis de 1.5 millóns de obras, sendo unha das coleccións mais extensas do planeta. O Museo de Arte Moderna (MOMA) conta con máis de 50.000 obras que abranguen as técnicas, artistas e movementos dende 1880 ata os nosos días.

O pracer estético que proporciona unha Obra Gráfica Orixinal é difícil de comparar. A firmeza da xilografía, o aveludo da mezzotinta, as texturas do gravado, a delicadeza da litografía en pedra, a incrible gama de tons do giclé, cada unha das técnicas ten o seu particular forma de cativar e tender a ponte entre artista e espectador.

A historia da Obra Gráfica ten unha tradición de máis de 500 anos e permitiu aos artistas experimentar con novas técnicas, soportes (papeis), pigmentos, nun proceso constante de creación e descubrimento.

Tamén lles permitiu aos artistas difundir a súa arte e ampliar o seu rango de acción. Tal foi o caso no renacemento, cando a técnica do gravado serviu para que tanto o público coma outros artistas, coñecesen o traballo dos Grandes Mestres.

O traballo sobre o papel aliméntase das innovacións dos artistas, que xeralmente toman algunha técnica xa existente e a modifican para poder crear arte. O inventor da litografía, creou esa técnica para imprimir partituras de música. Pero ao pouco tempo o potencial deste método foi descuberto e desenvolvido por Delacroix, Goya e Daumier. A serigrafía de arte naceu do "Silkscreen", que era e é utilizado na industria téxtil e na publicidade.

A historia da Obra Gráfica ten unha tradición de máis de 500 anos e permitiu aos artistas experimentar con novas técnicas, soportes (papeis), pigmentos, nun proceso constante de creación e descubrimento


Unha boa Obra Gráfica Orixinal valorízase co tempo. Isto demóstrase polos altos prezos que chegan a alcanzar nas famosas casas de poxas. Ata agora, o récord para unha Obra Gráfica Orixinal da historia, corresponde a un gravado de Pablo Picasso, " Le repas frugal", en edición de 250, que foi vendido por 1,18 millóns de dólares na casa de poxas "Christies", en Londres. A Obra Gráfica tampouco escapa do interese dos "amigos do alleo", quen tamén sabe do valor destas pezas. No ano 2005, na Galería de Arte de "Desert Palm" en California, os ladróns leváronse unha litografía de Chagall e un linóleo de Picasso, "a tribo de Dan" e "Femme regardant" valoradas respectivamente en 35.000 e 53.000 dólares cada unha.

Este itinerario de tres exposicións ( A Fabrica- Fundación Vicente Risco - A Micalla), é o inicio dun ambicioso proxecto para que Allariz sexa un referente na arte contemporánea e sobre todo na difusión da Obra Gráfica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario