miércoles, 6 de julio de 2011

VALERIO ADAMI

Valerio Adami (Bolonia, 17 de marzo 1935) é un pintor, deseñador e gravador italiano cun estilo baseado no cubismo.
Recoñecido como un dos artistas europeos vivos máis importantes, Valerio Adami singularízase polo seu persoal estilo, síntese de Cubismo, Pop art e Futurismo.
Recibe unha sólida formación no estudo de Achille Funi, na Accademia de Belle Artidei Brera, de Milán (1951-54). Instálase en París en 1957, e a partir de entón desenvolve a súa actividade a cabalo entre Francia e Italia.
O seu estilo inicial é expresionista, e combina imaxes violentas e chistosas, baixo influencia de Roberto Matta e as tiras de cómic.
Protagoniza a súa primeira exposición importante en 1962 (Londres, Institute of Contemporary Art), e pronto participa na Documenta III de Kassel.
A mediados dos 60, Adami fixa o seu estilo máis coñecido, de influencia pop: imaxes estilizadas, perfiladas en negro sobre áreas de intensas cores planas. O seu proceso creativo arranca de fotografías e demais imaxes do seu ámbito, que esmiúza, combina e presenta en formas esquemáticas.
O seu éxito é rápido, e en 1968 representa a Italia na Bienal de Venecia.
Nesa época, decora con catro grandes murais a sede do Firstar Bank en Madison (Wisconsin, EUA)
As imaxes creadas por Adami ofrecen frecuentemente fragmentos da sociedade moderna, obxectos sacados de contexto e perspectiva e que así parecen novos. Nos seus primeiros anos de estilo pop, crea visións de espazos desertos, pero posteriormente representa personaxes da cultura moderna como Sigmund Freud e James Joyce.

A súa etapa máis recente, a partir dos 80, céntrase na creación de espazos fantásticos onde revitaliza os mitos da cultura occidental dende Ovidio, plasmando alusións á beleza, a creatividade, o desexo e o sexo.
Dedícaselle un número de Eighty, revista francesa sobre a arte dos anos 80; é estudado tamén por The New Yorker, e merece estudos críticos de Italo Calvino e Jacques Derrida.
En 1985 dedícaselle unha antolóxica no Centro Georges Pompidou de París e no Communo de Milán. Hai que destacar outras exposicións en Boston, Bruxelas, Hamburgo, México, Xerusalén, París (Musee d´Art Moderne de la Ville) e Milán (Palazzo Reale).
En 1993 créase a Academia-Fundación Adami en Liechtenstein.
En 2005, dedícaselle unha exposición de debuxos en Madrid. Non obstante, a súa presenza en coleccións españolas é moi limitada. Menciónanse obras súas no IVAM de Valencia, que lle adicará unha mostra individual a finais dos 90.

No hay comentarios:

Publicar un comentario